2 de maio – Día Internacional contra o bullying e o acoso escolar

No día de onte, reivindicouse a loita contra o bullying, co fin de concienciar sobre esta problemática e a necesidade de previla e eliminala.

Millóns de rapaces/zas en todo o mundo son vítimas de constantes situacións de acoso e de violencia no ámbito escolar e a través das redes sociais por parte dos seus compañeiros/as. Segundo unha investigación levada a cabo en España no pasado ano, case dous alumnos por clase sofren acoso escolar, afectando a un total de 220.000 nenos e nenas en todo o país.

Dende AFA Ferrol, cremos que é esencial garantir a existencia de intervencións que axuden ás vítimas a recuperar a súa autoestima, a promover o seu empoderamento e, en xeral, a mellorar o seu benestar. Por suposto, tamén nos parece fundamental traballar coas persoas agresoras, xa que, en multitude de ocasións, a presenza de condutas agresivas nos/nas menores se debe a problemas emocionais ou psicolóxicos subxacentes.

Non hai que esquecer que existen factores asociados que poden provocar que unha situación de acoso escolar se orixine ou se agrave como, por exemplo, a repercusión de prexuízos ou diferentes estereotipos, como ben poden ser os relacionados coa orixe, a diversidade funcional, a orientación sexual ou a identidade de xénero, entre outros.

Finalmente, queremos facer fincapé en que a prevención desta problemática é unha responsabilidade compartida entre familias, educadores/as, outros/as profesionais e a sociedade en xeral. Dende idades temperás, debemos fomentar valores como a tolerancia e a empatía.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2024 ® Acción Familiar Ferrol

Desarrollado por QUADRALIA