Onte estivemos en directo a través do noso Instagram (afa_ferrol) para falar sobre os diferentes estilos educativos parentais, as condutas negativas que se presentan con maior frecuencia na infancia e a xestión destas dende o contexto familiar.
No que se refire aos diferentes estilos educativos, estes son catro: autoritario, permisivo, neglixente e democrático. Este último é o máis saudable e o que máis favorece as relacións familiares xa que, aínda que se establecen normas e límites, tamén existe un grao de afecto e apoio considerable por parte dos/das educadores.
En cando ás condutas negativas máis frecuentes nos/as infantes, entre estas destacan a desobediencia, o negativismo e as perrenchas. O feito de que estas aparezan non implica que exista un problema condutual. Forman parte do proceso evolutivo e, normalmente, desaparecen co tempo.
Concretamente, nesta actividade centrámonos en falar das perrenchas, xa que adoita ser a que antes aparece e a que pode ocasionar preocupación nos/as educadores/as nun primeiro lugar.
Finalmente, en canto á xestión destas perrenchas, falamos da importancia de amosar firmeza e serenidade para que o neno/a entenda que non é a forma correcta de actuar. Unha vez que se deu conta de que a súa conduta non foi efectiva e o seu desexo non vai ser conseguido, o importante é retirarlle a atención e non reforzar o seu comportamento, o que se coñece como realizar o acto da extinción. Para lograr este último hai que seguir unha serie de pasos, os cales tamén detallamos.
Non debemos esquecer que tamén é fundamental reforzar todas as condutas positivas que teñen lugar fóra das situacións das perrenchas para que aprendan cal é a forma correcta de realizar as súas peticións. Para iso, podemos aplicar diferentes elementos reforzadores. Convidámosvos a visualizar e escoitar a gravación no noso Instagram (@afa_ferrol) para saber cales son.
Como sempre, esta actividade, enmarcada dentro do noso Proxecto de Educación Familiar, foi posible grazas á subvención do IRPF da Xunta de Galicia.